miércoles, 3 de junio de 2020

Vacacións do persoal en agosto: outra medida para o escaparate.

O pasado xoves día 28 de maio houbo un primeiro contacto entre o Ministerio e os sindicatos representativos a  nivel nacional para tratar as condicións  de disfrute das vacacións de todo o persoal da Administración de Xustiza. Nun principio van dirixidas ao ámbito territorial xestionado polo Ministerio, pero con clara vocación de extendelas polas diversas Comunidades Autónomas con competencias transferidas, aínda que cada territorio deberá sacar a súa propia regulación ao respecto, sí que houbo reunións para tratar de coordinarse entre eles, e publicar normativas que puidesen ser compartidas nunha gran parte dos seus criterios.

Lembramos algunhas das pretensións do Ministerio: obrigarnos a coller vacacións ao  90% do persoal os primeiro dez días de agosto e entre o 70 e 80% o resto do mes;  ou que nos meses de xullo e setembro estivese traballando o 80% do persoal de cada xulgado, fiscalía, servizo ou oficina; tamén a ampliación (agora son 7), a 12 dos días de disfrute de vacacións soltas durante o ano, e a ampliación do prazo de disfrute ata o 31 de marzo de 2021. Estas dúas útimas medidas non teñen sentido, resulta paradóxico unha ampliación do prazo de disfrute das vacacións ou a ampliación ata 12 días de vacacións para pedir de forma independente, cando intentan  obrigarnos a coller todo o mes de agosto, pois no mellor dos casos quedarían 5 días de vacacións por disfrutar. Estas  medidas afectan de xeito directo aos dereitos recoñecidos de disfrute de vacacións dos Letrados, Corpo Especiais do INTCF, Médicos Forenses, Xestores, Tramitadores e Auxilios.

Despois de que se suspendera a reunión prevista para o pasado luns día 1 de xuño, hoxe reúnese, en paralelo, o Ministerio coas CCAA ás 9:30, e as 10 cos Sindicatos, reunión que parece que non pinta moi ben de cara a flexibilizar a postura tan extrema do equipo ministerial, esperamos equivocarnos.

Sabemos que o culpable de todo esto é o Ministro e o seu equipo, que despois de habiltar o mes de agosto en contra dos sindicatos e dos colexios profesionais, agora, noutro sensentido pretende, de facto, anular esa habilitación e contentar a avogados e procuradores concentrando o persoal nos meses de xullo e setembro e baleirando os xulgados en agosto,  facéndolle pagar os pratos rotos, (eses pratos que eles mesmos romperon) aos de sempre. Como se en agosto o persoal que non está de vacacións non traballase. 

Dende STAJ esixímoslle á Dirección Xeral de Xustiza que non se someta á pretensión do equipo ministerial, e trala pertinente negociación cos sindicatos, se dicte unha resolución para Galicia que manteña os criterios de anos pasados e non vulnere dereitos recoñecidos e consolidados do persoal da Administración de Xustiza.

O  que intenta o Ministerio non só vulnera os nosos dereitos e resulta totalmente ineficaz como medio de rematar co atraso endémico na Administración de Xustiza, se non que ademáis, é moi difícil ou case imposible de levar a práctica coas porcentaxes indicadas por oficina ou xulgado. 

E por sí a Dirección Xeral está por facer seguidismo do que veña de Madrid, cousa a que por certo non están obrigados, deixámoslles varias cuestións, que nos surxen a bote pronto, para que lles vaian dando voltas.

- Como pretenden implementar esa porcentaxe de funcionarios/as por xulgado sen contar co persoal de garda? Nas vilas sobre todo é posible que no mesmo mes estén todos ou case todos unha semana de garda, en moito xulgados o persoal de garda supón a metade do plantel.

- Cando nun xulgado quede só unha ou dúas persoas, independentemente dos corpos aos que pertenzan, van ter que facer as funcións do outros corpos aos que non pertencen?

- Van a prohibir ou limitar a  conciliación familiar? Se fose así elixiron o ano ideal, no que non están permitidos os campamentos e demais actividades extraescolares, o ano que están pechadas as garderías e os centros de día ata setembro polo menos.

- Van obrigar a coller vacacións en agosto a pais e nais, incluso de familias monoparentais, que tódolos anos se ven na obriga de  partir as vacacións para poder quedar cos fillos menores?

- Ao persoal interino, vanlle facer disfrutar todo o mes de agosto de vacacións, aínda que só teñan traballado parte do ano? Vanlle dar mais días dos que lle corresponden para que poidan marchar todo o mes de vacacións e cumprir coas porcentaxes?

- E se nun xulgado, fiscalía, servizo ou oficina  ninguén pide vacacións no mes de agosto, ou o persoal que as pide é inferior aos que as deben pedir? Van obrigar a collelas ao  resto, con que criterios?

En fin, desexamos que tanto na reunión de hoxe co Ministerio, da que non temos boas sensacións, como na que debemos ter co Dirección Xeral, esperamos que en breve, se fagan as cousas con "sentidiño" e se deixen de experimentos que en nada arranxan os males dunha Administración de Xustiza abandonada por os mesmos que agora pretenden salvala pasando por riba dos dereitos dos de sempre. Se non cambian o rumbo, uns e outros, terannos en fronte.

STAJ, sindicato independente e específico de Xustiza, sen subvencións e sen ataduras