Onte martes día 3 de xullo os sindicatos representativos a
nivel nacional na Administración de Xustiza, mantivemos unha primeira reunión
de toma de contacto coa nova Directora Xeral de Relacións coa Administración de
Xustiza, Esmeralda Rasillo.
STAJ reclamou á Directora unha maior implicación na
mesa sectorial, xa que é quen a preside, e a súa potenciación como único foro
de negociación das condicións de traballo e retribucións de todo o persoal ao
servizo da Administración de Xustiza, debendo abandonar os pasos do anterior
Director, que delegou esta función en moitas ocasións en funcionarios do
Ministerio moi cualificados pero sen capacidade negociadora, e que supeditou
toda a negociación ás ordes dadas desde a Secretaría Xeral da Administración de
Xustiza e que supuxeron, como sabemos, o torpedeo constante aos dereitos dos
funcionarios de Xustiza dos Corpos Xerais e Especiais. Ademais, STAJ lembrou
que apenas existe negociación para o ámbito xestionado directamente polo
Ministerio de Xustiza, o cal debe corrixirse inmediatamente.
Entre outras cuestións, STAJ reivindicou as seguintes cuestións, moitas delas son puntos aínda pendentes do Acordo de decembro de 2015:
• Oposicións, promoción interna e carreira profesional.
Esiximos convocatoria de procesos de promoción independentes, recuperación da
reserva do cincuenta por cento, e o establecemento de mecanismos de carreira
profesional.
En canto ás Ofertas de Emprego, dado que nos próximos días
publicarase a OPE 2018, é necesario iniciar xa a negociación das bases de convocatoria,.Así mesmo, e segundo informa o Ministerio, a intención é acumular as Ofertas de Emprego de 2017 e 2018, polo que o número de prazas ofertadas será moi elevado. Na negociación STAJ propoñerá solucións serias e viables aos procesos selectivos, como vimos facendo desde sempre, que eviten as disfuncións e despropósitos dos últimos anos e que volvemos a poñer de manifesto ante a nova Directora.
• Negociación da modificación do Regulamento de Ingreso no
relativo ás substitucións e comisións de servizo, para entre outras cousas
evitar as disparidades interpretativas nesta materia e que provocan moitas
situacións de conflito.
• Recuperación de permisos, e eliminación dos descontos por
IT. O Ministerio debe impulsar a eliminación de todos os recortes aínda
existentes.
• Oposición ás emendas á reforma da LOPJ presentadas polo
Grupo Popular, que pretende un maior control político da Administración de
Xustiza e unha nova volta de porca aos dereitos dos funcionarios e funcionarias
de Xustiza. Entre outras cuestións, STAJ deixou claro que non vai admitir a
simplificación dos centros de destino pretendida nesas emendas (pretenden que o
centro de destino sexa o municipio, sen distinción de xurisdicións, servizos
comúns, UPAD, Fiscalías, IML, etc...) que poida supoñer unha mobilidade ao
antollo do Xefe de quenda.
• Negociación da reforma da Lei do Rexistro Civil, que
permita o seu mantemento dentro da Administración de Xustiza, público e gratuíto,
con plenas competencias, con mesma demarcación actual e servido enteira e
exclusivamente por funcionarios de Xustiza. A nova Directora comparte esta
opinión. Esperemos que o Grupo Socialista, autor da Lei de 2011, pense o
mesmo..
• Extensión do complemento de produtividade a todos e non só
para xuíces e letrados. Non é de recibo que o resto de funcionarios non perciba
nin un só euro por unha produtividade que depende directamente do seu traballo.
• Revisión das retribucións básicas, para a recuperación dos
niveis de soldo base, trienios e complemento xeral de posto existentes antes
da rebaixa xeneralizada imposta en 2010, así como a revisión do complemento
específico no ámbito xestionado polo Ministerio, onde se percibe o máis baixo
de todo o Estado. Tamén para ámbito Ministerio, reclamamos a recuperación do
complemento de Violencia así como o estudo doutros pluses asociados a
determinadas xurisdicións ou cargas de traballo.
• Solución aos problemas que está a xerar a "Xustiza
Dixital."
A nova Directora mostrouse moi receptiva ás nosas
reivindicacións, recoñecendo que o sucedido na negociación ata agora non é de
recibo. Pediu, con todo, comprensión ante os moitos retos que ten o Ministerio
en materia de persoal. Desde STAJ darémoslle marxe pero esiximos que haxa
resposta clara ás reivindicacións que xa non poden esperar máis.
ULTIMA HORA CONCURSO DE TRASLADO.- O Ministerio infórmanos
que se convocará na semana do 16 de xullo, con prazo de dez días hábiles para
presentar solicitudes. Anunciarase con suficiente antelación a data concreta
para que a quen lle coincida coas vacacións poidan facer as súas previsións.