viernes, 10 de marzo de 2017

O desastre do novo expediente dixital

A tan cacareada modernización da Xustiza non pasa de ser unha mera declaración de intencións en moitos territorios onde se está implantando. O novo expediente dixital segue sen funcionar correctamente e en lugar de axilizar a xustiza o que está a provocar é xustamente o efecto contrario.

Os problemas están a repetirse en practicamente todas as cidades de ámbito Ministerio onde se puxo en marcha, como son: Murcia, Cartaxena, Salamanca, Valladolid, Eivissa, Palencia, Badaxoz, Cáceres, etc.. Esta semana producíronse cortes de varias horas en todos os xulgados e o mesmo ocorreu a semana pasada cando o sistema estivo inoperativo entre as 9 e as 12 horas, provocando un parón que retarda a marcha dos procesos.

Estes problemas levaron a que algúns Xuíces Decanos, como o de Eivissa, denunciasen ante a prensa a paralización dos seus xulgados pola caída das plataformas dixitais, alegando que o "papel 0" e a xustiza electrónica quedan moi ben como un titular para os políticos, pero a realidade é que é imposible de aplicar pola falta de medios. Engadindo que "isto non é unha empresa de subministracións e non se pode cambiar todo da noite ao día" e insistindo en que os programas de xestión procesual non están preparados para dixitalizar todo.