martes, 3 de junio de 2025

Implantación dos Tribunais de instancia nas cidades: mesa sectorial do 2/06/2025

No día de onte, tivo lugar en Santiago a primeira mesa sectorial para tratar a implantación dos tribunais de Instancia nas cidades de A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo.

A DXX non nos informa de ningunha novidade nin aporta moita información para explicar os documentos que nos achegaran coa convocatoria e que vos enviamos xa nesta noticia anterior.

Con respecto ás RPTs. A proposta de RPTs que nos enviou a DXX, segundo nos din, foi elaborada polo Secretario de Goberno e/ou polos Secretarios Coordinadores Provinciais. Segundo a DXX este borrador sería unha primeira aproximación e están abertos a estudiar as achegas dos traballadores para mellorala. En canto ás xefaturas, non saben (ou non nos din) a cargo de cantos funcionarios van estar os xefes, nin de que áreas ou equipos van ser xefes. Xa están a ter en conta no borrador das RPTs a creación dos novos xulgados de Violencia sobre a Muller en Santiago e Ourense e o cambio dun Xuiz de instrución a Violencia sobre a Muller en Vigo e A Coruña. Nos din que o cambio de Xuiz non vai afectar aos funcionarios, que irán destinados á área do Tribunal de Instancia que lles corresponda, igual que o resto de funcionarios. Garanten, como non pode ser doutra forma gracias ao acordo firmado por STAJ e outros sindicatos en Madrid para intentar reducir algún dos numerosos efectos negativos desta norma para os traballadores da xustiza, que se manterán as retribucións (gardas, complementos, etc.) a quen a día de hoxe está a percibilas e se lle asigne un posto forzosamente que non contemple esas retribucións.

Con respecto á norma de reorganización, tampouco explican nada. Nos din tamén que están abertos a escoitar aos traballadores. Din que non saben tampouco que antigüidade se vai ter en conta para ter preferencia na reorganización. Con respecto as áreas, a DXX indícanos que serán os protocolos dos distintos secretarios coordinadores quenes distribúan o traballo e como se distribúe ese traballo, manifestan que descoñecen en que fase están. Desde STAJ voltamos reiterar a necesidade de crear máis áreas e sobre todo que os equipos que se creen dentro de esas áreas sexan orgánicos, a DXX non o contempla neste momento e defenden que os equipos sexan funcionais. Coincidimos en que non debería haber postos de libre designación, que se crean para asisitir aos Presidentes das Audiencias e aso Secretarios Coordinadores e vinculados, en canto ao destino, ao TSXG.

Acordouse tratar en seguintes mesas sectoriais as RPTs das cidades unha por unha.

Desta xuntanza tiramos dúas conclusións principalmente: a primeira é que a DXX non ten planificado o que vai facer para a implantación dos Tribunais de Instancia nas cidades de forma concreta. A segunda é que pensa deixar todo o poder de decisión para a organización do traballo aos LAJs, incluso en materias tan fundamentais como a creación de equipos e grupos de traballo, nos que si ten competencia para actuar.


STAJ, sindicato independente e específico de Xustiza, sen subvencións e sen ataduras