jueves, 9 de julio de 2020

Acción Social: criterios de repartición e solicitude.

Hoxe publicase no DOG a RESOLUCIÓN do 12 de xuño de 2020, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se dá publicidade da convocatoria e dos criterios de repartición do Fondo de Acción Social do ano 2020 para o persoal ao servizo da Administración de xustiza con destino na Comunidade Autónoma de Galicia.

1. Ámbito persoal e beneficiarios.
1.1. Poderán solicitar as axudas os funcionarios de carreira e interinos dos seguintes corpos ao servizo da Administración de xustiza: médicos forenses, xestión procesual e administrativa, tramitación procesual e administrativa e mais auxilio xudicial.
O persoal referido no parágrafo anterior deberá estar, no prazo de presentación das solicitudes, en situación de servizo activo ou de excedencia por coidado de fillos e ter destino nesta comunidade autónoma, así como reunir os restantes requisitos esixidos polo presente programa de atención de persoas discapacitadas do Fondo de Acción Social.
1.2. Tamén poden solicitar a axuda:
a) Aquelas persoas que prestaran servizos como funcionarios interinos da Administración de xustiza nesta comunidade autónoma durante o período comprendido entre o final da acción social do ano pasado (día 15.7.2019) e a finalización do prazo de presentación de instancias desta convocatoria.
b) Os funcionarios de carreira da Administración de xustiza que durante o período comprendido entre o final da acción social do ano pasado (15.7.2019) e a finalización do prazo de presentación de instancias desta convocatoria prestaran servizos nesta comunidade autónoma e se xubilaran durante o dito período.
1.3. Terán a condición de beneficiarios:
a) Os solicitantes con discapacidade física, psíquica ou sensorial igual ou superior ao 33 % que reúnan os requisitos establecidos nos puntos anteriores.
b) Os solicitantes que, reunindo os requisitos establecidos nos puntos anteriores, teñan baixo a súa dependencia directa e legal, e vivindo ás súas expensas, cónxuxe, parella de feito, fillos, ascendentes de primeiro grao por consanguinidade ou afinidade ou persoas tuteladas por sentenza xudicial firme con discapacidade física, psíquica ou sensorial igual ou superior ao 33 %.
No caso de que o beneficiario teña baixo a súa dependencia directa e legal, e vivindo ás súas expensas, máis dunha persoa que cumpra os requisitos anteriores, percibirá a axuda para cada unha.
1.4. No suposto de que dúas persoas teñan a condición de beneficiarios respecto do mesmo causante, só unha delas terá dereito á axuda.
1.5. A percepción das axudas deste Fondo de Acción Social é incompatible coa percepción doutras axudas de natureza similar concedidas pola Xunta de Galicia ou calquera outra Administración ou organismo oficial ou empresa privada.
2. Prazo de presentación de solicitudes.
O prazo de presentación de solicitudes será de quince (15) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
3. Solicitude e formas de presentación.
3.1. Formulario electrónico de solicitude e identificación do solicitante.
As persoas solicitantes deberán completar obrigatoriamente o formulario electrónico da solicitude a través da OPAX (Oficina Virtual do Persoal da Administración de Xustiza), no enderezo web opax.xunta.es, para o cal están habilitadas dúas modalidades de identificación:
a) Se se dispón dun certificado dixital recoñecido (DNI electrónico, tarxeta de identificación de persoal ao servizo da Administración de xustiza en Galicia ou outro), poderase acceder con este e a súa correspondente clave.
b) De non disporen dun certificado dixital recoñecido, as persoas solicitantes accederán á OPAX mediante o seu usuario e contrasinal. Para o caso de que o sistema non recoñeza o usuario como válido ou de que este non lembre o seu contrasinal, farase uso da opción habilitada na OPAX para estes efectos.
3.2. Cubrición da solicitude.
Unha vez realizada a identificación, o solicitante deberá seleccionar na OPAX a opción correspondente ao Fondo de Acción Social e cubrir todos os campos.
A solicitude será única por solicitante, e no caso de existir máis dunha persoa causante, deberán introducirse naquela os datos de cada unha delas.
O sistema precargará, de ser o caso, datos de anteriores convocatorias, que o usuario deberá validar ou modificar.
Logo de encher a solicitude, esta gravarase provisionalmente como borrador. O dito borrador poderá ser consultado, modificado ou eliminado, pero non será válido para a súa presentación.
A persoa solicitante, despois de comprobar que todos os datos son correctos, deberá validar a solicitude, momento a partir do cal non se poderá nin modificar nin eliminar.
3.3. Forma de presentación.
As persoas solicitantes deberán presentar a solicitude da seguinte forma:
a) Os funcionarios de carreira en situación de servizo activo ou de excedencia por coidado de fillos, así como o persoal interino que estea a prestar servizos no momento de presentar a súa solicitude, realizarán a sinatura da solicitude e mais a presentación desta de forma telemática, para o que farán uso do certificado de empregado público ou doutro certificado dixital recoñecido. O sistema asignará un número e selo de tempo que acreditará a presentación, sendo posible obter do sistema un xustificante desta.

b) As persoas solicitantes que non se atopen traballando e cumpran coas condicións recolleitas nos puntos 1.2 e 1.3 da presente convocatoria terán dúas opcións: ou ben poderán asinar e presentar a súa solicitude electronicamente, empregando un certificado dixital recoñecido de acordo co procedemento descrito na letra a) anterior; ou ben poderán realizar a presentación imprimindo o formulario validado da solicitude, que deberá ser asinado e rexistrado, xunto coa preceptiva documentación complementaria, en calquera dos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas.
Ver a Resolución no DOG

STAJ, sindicato independente e específico de Xustiza, sen subvencións e sen ataduras