martes, 18 de septiembre de 2018

Esixencias de STAJ ao novo equipo ministerial

A pasada semana tivo lugar a primeira reunión do grupo de traballo que o novo equipo ministerial, encabezado polo secretario xeral de Xustiza, propuxo aos sindicatos para abordar a situación da Oficina Xudicial e Fiscal.

Antes de expoñer a nosa opinión sobre o seu estado actual, desde  STAJ esiximos iniciar sen máis dilacións a negociación de diversas   cuestions de máxima importancia:

  • Recuperación dos tres días de permiso por asustos particulares. Isto é simplemente vergoñoso, forma parte dun acordo asinado nada menos que en decembro de 2015, é dicir, fai xa case tres anos. E ninguén fai nada para solucionalo, máis ben ao contrario, todo son cambadelas.
  • É imperativa a paralización da reforma que pretende o Partido Popular respecto da Lei Orgánica do Poder Xudicial, mediante a introdución de emendas á proposición de Lei Orgánica cuxo obxecto orixinario era, unicamente, a recuperación de permisos.
  • Sobre estas emendas do Grupo Popular, volvemos insistir desde  STAJ que non pensamos toleralas, e deixamos ben claro que calquera intento de simplificar os destinos, como se pretende a través da modificación do artigo 521, de indeterminación na asignación de funcións e tarefas, vinculadas a destinos concretos e non determinados, non a imos a aceptar.
  • É urxente establecer xa os mecanismos para acabar cos descontos en situacións de Incapacidade Temporal, que foron anunciados aos catro ventos polo Goberno pero que na Administración de Xustiza non se está cumprindo. Neste punto tampouco entendemos o retraso do Goberno galego en publicar a adactación da lexislación autonómica para deixar de aplicar os descontos por IT, non parecen ter prisa en deixar de facelo, e non parece que os sindicatos firmantes do acordo teñan presa para esixir o seu cumprimiento.
  • Así mesmo, reiterouse que é prioritaria a reforma da promoción interna. Non só hai que recuperar a reserva do 50%, senón que ademais hai que convocar, xa, proceso de promoción interna independente da Oferta de Emprego Público.
  • Instamos tamén á reforma do Regulamento de ingreso, para solucionar os numerosos problemas de interpretación que xera a regulación actual de aspectos como as substitucións e as comisións de servizo.
  • Hai que negociar novamente a reforma da Lei 20/2011, do Rexistro Civil, para o mantemento dentro da Administración de Xustiza, coa súa mesma estrutura e demarcación actuais,  incluídos os Xulgados de Paz, con plenas competencias, público, gratuíto, servido exclusivamente por funcionarios da Administración de Xustiza.
  • Seguen sen solucionarse os problemas por erros e omisións no alta e afiliación á Seguridade Social de funcionarios da Administración de Xustiza.

Desde o Ministerio non entraron a debater todas estas cuestións aducindo a orde do día da reunión, pero como sempre, achacaron ao Ministerio de Facenda a maioria dos problemas, e trasladaron aos sindicatos a necesidade de traballar xuntos e chegar a acordos que permita a implantación dun modelo de calidade, do que non nos especificaron absolutamente nada. Desde  STAJ valorarémolo detidamente cando haxa proposta, polo momento non concretaron nada, meras palabras e intencións. 

STAJ, sindicato independente e específico de Xustiza, sen subvencións e sen ataduras. 

No hay comentarios :

Publicar un comentario