lunes, 29 de enero de 2018

A Dirección Xeral de Xustiza utiliza as nosas nóminas co fin de desmotivarnos para a folga indefinida

A día 29 de xaneiro, a dous días vista de finalizar o mes, as nosas nóminas non nos foron comunicadas. De todos é sabido que a estas alturas do mes a Xunta sempre nola tiña xa enviada, se en xaneiro aínda non o fixeron no xeito habitual non nos cabe ningunha dúbida que é por pura estratexia dentro do conflito que vivimos. Recentemente a Xunta publicou na Intranet que o desconto que se aplicaría por cada día de folga sería de entre 50 a 100 euros, pois ben, cando o habitual en situacións similares é que os descontos se apliquen despois de tres ou catro meses, a Xunta está a esgotar todo o necesario a confección das nosas nóminas para que lles de tempo a aplicar no mes de Xaneiro os descontos correspondentes aos días 1 e 13 de decembro pasado, nun novo intento de intimidación aos funcionarios de xustiza e cunha clara intención de minar as nosas forzas e paciencia para a xa inevitable folga indefinida.

Que tratan de desanimar e de minar as nosas forzas e ímpeto non é nada novo, sempre tentan este tipo de manobras con pequenas actuacións como a do atraso da nómina que denunciamos neste momento. Practican outras como ofrecer distintas cantidades no CAT segundo corpo para dividirnos e enfrontarnos para que nalgún punto rompamos e caiamos nas súas estratexias. Outras como dilatar innecesariamente a negociación sabendo que terán que ceder a nosas máis que xustas reivindicacións, ou como tratar de poñer á opinión pública na nosa contra facendo ver que pedimos a “descarada” subida do 16% cando o único que pedimos e a equiparación salarial a outros territorios, tal como o goberno central acordou facelo xa para outos colectivos.

Desde STAJ dicímosvos que non vos deixedes desanimar por estas sucias técnicas da Xunta, están a tentar vencernos nun terreo que é noso, noso porque contamos co ánimo colectivo, coa unión de todos os compañeiros, coa serenidade e o bo facer, coa certeza dunhas reivindicacións xustas, coa fortaleza da masa humana que forman os funcionarios da xustiza galega. Todo isto non pode acabar máis que coa consecución dos obxectivos marcados.

NON Á DISCRIMINACIÓN NA XUSTIZA GALEGA!!!